Tuesday 14 de May de 2024

Feijóo afirma que a posta en marcha da Historia Social Única Electrónica permitirá dar as mellores respostas na atención, predicir necesidades e desenvolver políticas de prevención


Destaca que facilitará aos profesionais do Sistema Galego de Servizos Sociais, independentemente de que pertenzan ao ámbito municipal ou autonómico, o acceso único en formato electrónico, dando o primeiro paso así cara á unha atención totalmente personalizada e adaptada ás necesidades de cada usuario

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a posta en marcha da Historia Social Única Electrónica permitirá dar as mellores respostas na atención, pero tamén predicir necesidades e desenvolver políticas de prevención.

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo avanzou así a aprobación do Proxecto de Decreto, para a súa remisión a ditame do Consello Consultivo de Galicia, polo que se regula a creación, o uso e o acceso á Historia Social Única Electrónica; un documento que permitirá aos profesionais do Sistema Galego de Servizos Sociais, independentemente de que pertenzan ao ámbito municipal ou autonómico, o acceso único ao expediente social dos usuarios en formato electrónico e homoxéneo para todas as administración públicas competentes en servizos sociais. Supón, dixo, o primeiro paso avanzar cara á unha atención totalmente personalizada e adaptada ás necesidades de cada persoa.

Froito dun intenso proceso de diálogo
O titular da Xunta subliñou que este proxecto é froito dun intenso proceso de diálogo cos colectivos directamente implicados. “Aportaron as súas observacións e suxerencias 15 entidades, 3 departamentos da Xunta e 4 de xeito individual a través da web da Consellería”, dixo, ao que engadiu que, froito dese traballo, preséntase hoxe o novo sistema que comezará a implantarse unha vez aprobado definitivamente o decreto, e que arrancará coa dixitalización de 365.000 historias sociais dixitais, é dicir, aproximadamente o 40% dos usuarios dos servizos sociais da comunidade autónoma.

Esta iniciativa permitirá ter nunha única historia todos os datos relativos á historia social do individuo, incluíndo: a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos solicitados; así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de servizos sociais, ademais de información referente a profesionais e a institucións e organizacións que interveñen nelas.

Trátase, engadiu, dun paso fundamental para que todos os axentes dos servizos sociais dispoñan en todo momento da mesma información, de forma que se evitarán duplicidades e se mellorará a calidade desa información, aseverou Feijóo, facendo fincapé en que isto suporá unha redución de erros e de tempos de resposta e unha atención máis personalizada.

Así mesmo, esta iniciativa facilitará tamén unha atención máis proactiva, grazas a un sistema de alertas e subscricións que avisa ao profesional de calquera cambio no historial da persoa para que poida actuar de maneira inmediata.

Cara á integración coa historia clínica
O responsable do Goberno galego aseverou que ter unha historia social única suporá a “a mesma revolución que supuxo ter unha historia clínica única”. De feito, agregou, a historia social significa crear un sistema integrado de intercambio de información entre a Administración local e a autonómica, e sentará as bases para facer realidade o compromiso de que a historia social se integre coa historia clínica, o que simplificará o labor dos preto de 30.000 profesionais que integran o Sistema Galego de Servizos Sociais.

“Vai cambiar a forma de integrar, interpretar, xestionar e resolver os servizos sociais”, asegurou, para indicar que un terzo da poboación galega é susceptible de dispoñer dunha historia social para a atención, por exemplo, ás persoas dependentes, ás que padecen algún tipo de discapacidade, as que están a percibir recursos de inclusión ou a Risga, ou a información procedente dos servizos sociais dos concellos.

Progresivamente, precisou que esta historia social irase ampliando ao eido da atención aos menores, do emprego, da vivenda, da xustiza, e o paso final será a integración coa información sanitaria. Sobre a seguridade, indicou que haberá unha identificación unívoca dos usuarios ao empregar a numeración da tarxeta sanitaria, para que non existan dous números de identificación distintos; e que queda protexido o acceso á información a través do uso dun certificado por parte dos profesionais.